
Dicionario colaborativo multiplataforma de termos médicos e de saúde accesibles en lingua de signos española
SignaMed é unha aplicación multiplataforma interactiva que permite consultar un dicionario gravando e visualizando signos de termos médicos en Lingua de Signos Española (LSE).
O obxectivo último de SignaMed é poñer en marcha unha ferramenta que posibilite a interacción de persoas oíntes con persoas xordas nunha contorna médica ou de coidado da saúde (centros de saúde, hospitais, farmacias), permitíndolles consultar e practicar os signos do dicionario e mellorando así a súa capacidade de comunicación.

SignaMed está dirixido principalmente ao colectivo de persoas xordas que utiliza a lingua de signos española como medio principal de comunicación. Así mesmo a todas as persoas que, sendo oíntes, saben comunicarse en LSE ou están a aprender (intérpretes, familiares). Para estes dous grupos a plataforma permitirá gravar signos para adestrar os algoritmos de recoñecemento automático de LSE. Na actualidade consta de 82 termos pero irá crecendo coa participación cidadá e iranse incorporando tests interactivos para axudar á aprendizaxe doutros colectivos, como o sector saúde.
Anímate e apúntate á plataforma: