Desenvolvemento de axentes conversacionais en galego

Avanzar no campo da comprensión automática da linguaxe falada na comunicación persoa-máquina, mediante o desenvolvemento e implementación de axentes conversacionais por voz, é o obxecto da tese de Andrés Piñeiro, que está a desenvolver dende  área de I+D+i da empresa Balidea, a través do programa de Doutoramento Industrial da Axencia Galega de Innovación (GAIN) dentro do programa de doutoramento DocTIC da Universidade de Vigo.

Ver video en Youtube

Con esta tese, dirixida por Carmen García Mateo e Laura Docío Fernández,  buscamos contribuír ao desenvolvemento da tecnoloxía da fala e da linguaxe en ambientes bilingües galego-castelán. Actualmente non existen sistemas estándar para o NLP (procesamento de linguaxe natural, polas súas siglas en inglés) ou para o SLU (en inglés, comprensión da linguaxe falada) en galego.

No plan da tese prevese o desenvolvemento de prototipos que validen a investigación en tres ámbitos: o da administración electrónica, o sociosanitario e o da industria 4.0. Polo tanto, o coñecemento e experiencia obtidas con esta investigación suporán un referente dentro do mundo dos asistentes conversacionais en galego-castelán, cunha grande proxección de cara ao seu posible uso polas administracións e empresas galegas.

Balidea conta con anos de experiencia no desenvolvemento de tecnoloxías da fala baseadas en Intelixencia Artificial (AI), con algúns proxectos dos que xa se realizaron probas piloto e outros que están en proceso. Neles iranse aplicando todos os avances obtidos durante este programa de doutoramento.

Neste vídeo, afondamos no atractivo do programa de Doutoramento Industrial, nas posibilidades de investigación que ofrece dentro das empresas e no abano de coñecemento que amplía no caso particular das tecnoloxías de interacción dixital, poñendo o foco na importancia do emprego nelas da lingua galega.