O grupo GTM de AtlanTTic participa na na creación da plataforma COPERIA baseada en intelixencia artificial de apoio a doentes con covid persistente.
Coperia está “orientado ao desenvolvemento e validación clínica dunha plataforma multidisciplinar e integral baseada en intelixencia artificial para o diagnóstico, empoderamento, rehabilitación holística e personalizada, así como a xestión clínica de doentes afectados por covid persistente”. O consorcio do proxecto está formado por Bahía Software, 10 METS, Imaxin Software, a Fundación Biomédica Galicia Sur e, por parte da Universidade de Vigo, o Grupo de Tecnoloxías Multimedia (GTM), do campus de Vigo, e o Laboratorio de Informática Aplicada (LIA2), do campus de Ourense, liderando esta participación académica Carmen García Mateo, Laura Docío e Xosé Antón Vila. Na presentación da iniciativa, Julio García Comesaña, conselleiro de Sanidade, explicou que a iniciativa conta cun orzamento de máis de 700.000 euros, coa implicación da Axencia Galega de Innovación, co cofinanciamento do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, no eixo REACT-UE, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da covid-19.