Arranque do proxecto COPERIA do programa Conecta COVID

O proxecto COPERIA axudará na identificación e apoio asistencial a doentes de covid persistente

Dous de cada 10 doentes de covid-19 desenvolven síntomas persistentes e incapacitantes trala infección aguda. Esta patoloxía denomínase covid persistente. Calcúlase que ata 27.000 pacientes padecen esta enfermidade en Galicia e máis de 800.000 en todo o territorio nacional.

Como parte da resposta europea á pandemia, a Xunta de Galicia, a través do programa Conecta COVID cofinanciado con fondos FEDER no marco do eixe REACT-UE, decidiu apoiar o desenvolvemento do proxecto COPERIA. Nel, tres pemes e dous organismos de investigación galegos colaborarán para desenvolver unha solución orientada ao desenvolvemento e validación clínica dunha plataforma multidisciplinar e integral para o diagnóstico, empoderamento, rehabilitación holística e personalizada e a xestión clínica de pacientes afectados por covid persistente. O consorcio está formado por Bahía Software, Imaxin Software, MIALESAN, a Universidade de Vigo -representada polos grupos de investigación Grupo de Tecnoloxías Multimedia de atlanTTic e o Laboratorio de Informática Aplicada- e a Fundación Biomédica Galicia Sur, coa unidade de covid persistente do Hospital de Ourense.

O proxecto conta cun orzamento de 766.949,73 € e unha duración de 18 meses, dende o 1 de novembro de 2021 ata o 30 de abril de 2023.

Mais info na web do proxecto COPERIA